Fenda

Sobre nós

Somos milleiros as galegas e galegos que vivimos en Madrid, forzados polas mesmas circunstancias históricas, políticas e económicas que condenaron varias xeracións do noso pobo á emigración.

Queremos contribuír a articular e organizar esa dispersa comunidade, co fin de nos facer ver e de transformarmos a partir da emigración a realidade que se impón á nosa nación e que nós sufrimos de xeito particular na diáspora. Precisamente aquí, no corazón da besta, no mesmo centro do Estado que nos nega como pobo, ten especial importancia sermos quen de tecer complicidades e resistencias.

Inspirámonos en experiencias que no pasado traballaron cunha vocación similar á que nos move a nós hoxe, e sabemos que en diferentes momentos da historia as galegas e galegos expatriados en Madrid xogaron un importante papel no noso proceso de liberación nacional. Como mostra, abonda dicir que foi nesta cidade onde agromou o xerme que en plena ditadura comezaría a reorganizar o nacionalismo no interior do país. Contamos con esa e con outras experiencias que ao longo do tempo mantiveron acesa a chama do noso pobo precisamente onde máis difícil parecía ese labor.

Recollendo esas referencias nace FENDA (Embaixada Popular Galega) co fin de articular desde a base e mobilizar a emigración galega en Madrid, para facermos activismo político-­cultural con visión nacional e cos seguintes obxectivos:

  • Organizar a comunidade galega en Madrid co fin de crear e fortalecer a conciencia nacional no seu seo. Traballando colectivamente e con perspectiva política, contribuír a partir da diáspora ao noso proceso de liberación como pobo e ao cambio social. Para iso, identificámonos cos valores da esquerda, o feminismo, o ecoloxismo e o combate a toda forma de opresión ou discriminación.
  • Difundir entre o conxunto da poboación de Madrid e a súa contorna a nosa realidade social e cultural, superando os tópicos e os clixés instalados e transmitindo a imaxe dunha nación rebelde orgullosa de si. Nese sentido, queremos ir máis alá das prioridades do asociacionismo galego existente actualmente, superando as dinámicas puramente folcloristas ou culturalistas.
  • Actuar como unha “embaixada” que exerza de ponte coa Galiza, a través da que achegar e acoller actividades culturais do país e servir como acubillo á poboación galega da cidade ou xente da Galiza interesada en facer actividades en Madrid.
  • Implicarnos nos movementos sociais e iniciativas populares da cidade e tecer redes de colaboración con elas. En particular, tecer pontes con outras comunidades de persoas expatriadas na cidade a fin de abrir canles de comunicación con outros pobos do mundo.

Definímonos como un colectivo de carácter político, dado que aspira a transformar a realidade, mais de carácter non partidario, non estando suxeito ao cumprimento de directrices de organizacións alleas.

En base a estes criterios e obxectivos, chamamos á comunidade galega en Madrid a colaborar, a implicarse e a organizarse connosco.