Estatutos

TÍTULO I. Da organización

Artigo 1

FENDA (Embaixada Popular Galega) é unha organización asemblearia. Nace con dúas finalidades: por unha banda, para organizar a comunidade galega en Madrid co fin de crear conciencia nacional e contribuír desde a diáspora ao noso proceso de liberación como pobo e ao cambio social e, por outra, difundir entre o conxunto da poboación de Madrid e a súa contorna a nosa realidade, superando os tópicos e os clixés instalados e trasladando a imaxe dunha nación rebelde e orgullosa de si.

TÍTULO II. Das organizadas

Artigo 2

Poderán organizarse todas aquelas persoas que acepten os presentes textos fundacionais.

TÍTULO III. Da organización interna

Artigo 3

Esta organización basea o seu funcionamento no asemblearismo, na horizontalidade e na democracia interna. As decisións tomaranse, prioritariamente, froito do debate e do consenso da maioría. En caso de non ser posíbel o consenso, os acordos tomaranse por maioría absoluta das persoas presentes.

Artigo 4

A estrutura organizativa baséase en 3 niveis:

a) Asemblea. Terán dereito a asistir todas as persoas que toman parte na organización. Reunirase periodicamente, como mínimo unha vez ao mes, e será o único organismo con capacidade para tomar decisións ou delegar as mesmas nos grupos de traballo.

b) Grupo permanente de organización. Este grupo executivo encargarase da axilización e operatividade das asembleas, así como do bo funcionamento do colectivo. Establécense tres responsabilidades, que se renovarán cada seis meses:

-Responsábel de organización: encargarase do censo de organizadas, así como de moderar as asembleas e levantar acta de cada unha delas.
-Responsábel de finanzas e loxística: encargarase de levar ao día as contas do colectivo, así como de xestionar os espazos para as reunións.
-Responsábel de comunicación: encargarase de coordinar a xestión das comunicacións internas e públicas da organización.

c) Grupos de traballo. Poderán constituírse outros grupos de traballo executivos, en caso de considerarse necesarios. Encargaranse de organizar actividades concretas, especialmente aquelas que se realicen periodicamente.

Artigo 5

Levantarase acta de todas as reunións. Nas actas deberá constar, como mínimo, a data da reunión, a asistencia, a orde do día e os acordos e conclusións. Deberanse enviar por correo electrónico e/ou outros medios de comunicación que se establezan para o coñecemento dos acordos de todas as persoas organizadas.

Artigo 6

A comunicación interna farase, na medida do posíbel, a través de correos electrónicos. Facilitarase tamén a creación doutras vías telemáticas, pero sempre tendo en conta que a prioritaria será a que conte cun maior número de persoas adheridas.

TÍTULO IV. Do financiamento

Artigo 7

Procurarase que a organización estea autofinanciada. Para isto, alén doutras vías posíbeis para recadar cartos, establécese o pago de cotas.

As organizadas deberán pagar unha cota anual, de acordo coas súas posibilidades económicas. Establécese unha cantidade mínima de 25€, podéndose achegar voluntariamente cantidades superiores. Alén disto, poderá estar exenta de cota quen o pida.

TÍTULO V. Do nome, a imaxe e os símbolos da organización

Artigo 8

O nome da organización é Fenda, que poderá ir seguido do sobrenome Embaixada Popular Galega.

Artigo 9

O logotipo da organización é o que segue:

logo

Artigo 10

A organización asume como propia a bandeira galega coa estrela vermella de cinco puntas no seu centro.

Artigo 11

A páxina web da organización é www.fenda.gal. Nesta páxina publicaranse as actividades e información que se acorde nas asembleas.

Alén disto, utilizaranse as redes sociais (Facebook, Twitter, etc.) como vías oficiais de comunicación.

Disposición final:

Para a modificación dos presentes estatutos será preciso o acordo de 2/3 do censo da organización.